14/4/09

PETRONIO



O historiador romano Tácito referíase a el como arbiter elegantiae (árbitro da elegancia). O seu sentido da elegancia e o luxo convertiron a Petronio en organizador de moitos dos espectáculos que tiñan lugar na corte de Nerón. Petronio foi tamén procónsul de Bitinia, e máis tarde cónsul. A súa influencia sobre Nerón despertou os celos do prefecto do pretorio Cayo Odonio Tixelino, outro dos favoritos do emperador, que lanzou contra el falsas acusacións. Participou na conxura encabezada por Pisón, e Nerón, avisado, ordenoulle permanecer en Cumas; o escritor decidiu quitarse a vida deixándose desangrar ata morrer. Dise que antes enviou ao emperador un escrito no que enumeraba todos os vicios do tirano.
Petronio é autor dunha notable obra de ficción, unha novela satírica en prosa e verso titulada O Satiricón (c. 60), da que se conservan algúns fragmentos; narra as aventuras de dous libertos, Encolpio e Ascilto, e inclúe algúns obscenos Contos Milesios. O estilo poético de Petronio é moi manierista, parecido ao de Ovidio. O Satiricón pode ser o primeiro exemplo de novela picaresca na literatura europea, e pode considerarse o modelo de novelas posteriores. Ofrece unha descrición única, e moitas veces enormemente desvergoñada, da vida no século I d. C. A pesar de que o seu narrador se expresa no mellor latín da época, a obra é especialmente valiosa polos coloquialismos nos parlamentos de moitos personaxes que ofrecen un interesante obxecto de estudio sobre o latín vulgar da época. O episodio máis famoso é o Banquete de Trimalción, unha descrición sumamente realista dun banquete ofrecido por un novo rico e ostentoso liberto.

No hay comentarios: