21/4/09

Xuno

Deidade itálica, logo romana, filla de Saturno e de Ops, esposa de Xúpiter e raíña do ceo, deusa da luz, da muller e da unión lexítima. Xuno, homóloga da deidade etrusca Uni, personificaba a luz celeste entre os pobos de Italia. Foi deusa protectora de Roma.
O 1 de marzo de cada ano, as mulleres celebraban unhas festas en honor de Xuno chamadas Matronalia. Outras festas no seu honor, as Nonas Caprotinas, celebrábanse o 7 de xullo. Moitos consideraban o mes de xuño, que toma o seu nome de Xuno, patrona do matrimonio, o máis favorable para casar. As Calendas de cada mes tamén estaban consagrados a esta deusa, que tiña festas o 1 de xullo e o 13 de setembro.
Xuno aparece representada como unha matrona maxestuosa, as veces cun cetro na man, cun pavo real e unha granada, a súa ave e o seu fruto favoritos. Xuno tiña en ocasións un carácter guerreiro que se facía aparente nas súas roupas. A miúdo aparecía armada e levando unha capa de pel de cabra (de aí Caprotina), que era a prenda preferida polos soldados romanos en campaña. Este aspecto guerreiro foi asimilado da deusa grega Atenea, que tiña unha pel de cabra que recibía o nome de éxida.

No hay comentarios: