3/6/09

Cultos e ritos



3. Cultos e Ritos

3. 1. Culto doméstico.

Practicado nun principio só polos patricios, despois tamén polo plebeios, comprendía sobre todo
· Culto do primeiro antepasado, o fundador da gens, xeralmente un home, pero ás veces un deus; así, a gens Iulia, que se consideraba descendente directa de Eneas, a través do seu fillo Iulo, ou Ascanio, venera como fundadora a Venus, a nai de Eneas.
· Culto dos deuses do fogar, os Lares e os Penates. No atrio da casa adoitaba estar o lararium, cun altar adicado ao Lar familiaris, no seu honor realizábanse sacrificios e ofrendas
· Culto das almas dos mortos, chamadas Manes. Honrábaselles con ofrendas, sobre todo nos cabodanos, para telos propicios, pois se cría que, se non, podían perxudicar grandemente aos vivos. O ministro dos cultos domésticos é o pater familias.

4. 2. Culto público

Na época primitiva reducíase a cultos agrarios en honor, sobre todo, de Ceres, protectora dos traballos agrícolas, e de Pales, protectora do gando. Despois, a partir do rei Numa, segundo a tradición, organízase a relixión e o culto, coa creación de colexios sacerdotais, festas, cerimonias rituais e levantamento de templos.
O culto tributado aos deuses consiste fundamentalmente en sacrificios e pregarias. O sacrificium é unha ofrenda a unha divinidade, ofrenda que varía segundo a divinidade e segundo as intencións do oferente, xa que hai sacrificios expiatorios, de acción de grazas, etc. Poden ser cruentos ou incruentos. Os primeiros consisten na inmolación dun ser vivo, xeralmente animais (moi raramente persoas). Unha parte do animal sacrificado adoitaba repartirse entre os asistentes e outra parte reservábase para a divinidade, quemándose a carne sobre o altar e derramando, á vez,viño sobre as chamas. Era importante a elección do animal. Ás deidades masculinas adoitában ofrecérselles animais machos. Ás deidades celestes (Supĕri ═ os de arriba), animais de pel branca ou clara; ás infernais (Infĕri ═ os de abaixo), animais de pel negra ou escura. O animal grande, touros principalmente, denominábase víctima; o pequeno, ovellas sobre todo, hostia. Rociábase a cabeza do animal con viño e con anacos dunha torta sagrada, chamada mola salsa (de onde ven inmolatio), despois dabáselle morte, abríase o corpo e sacábanse as entrañas, que adoitaban ser examinadas polos arúspices.
Os sacrificios incruentos consistían na ofrenda de cereais, vexetais, froitas diversas, tortas, aceite, mel, incenso e certos líquidos, como o leite ou o viño. O sacrificio incruento denominábase libatio (libación).
As pregarias adoitaban acompañar aos sacrificios. Pronunciábaas o sacerdote, quen debía por moito coidado en repertir literalmente as fórmulas sagradas, pois a máis pequena equivocación obrigaba a repetir todo o sacrificio. Adoitaba rematar coa prosternación dos asistentes ante o deus.
Convén sinalar que os romanos facían sacrificios fora do templo, ao aire libre. Os templos eran pequeno e albergaban só a estatua do deus. Alí non entraba o público. Os altares para os sacrificios atopábanse diante do templo, polo xeral adosados ás súas paredes.
Un dos máis fermosos templos cultos romanos era a lustratio ou purificación. Celebrábase para purificar ou protexer de influencias maléficas a cidade, o exército, as colleitas, o gando, etc. Consistía nunha procesión circular en torno ao obxecto da purificación e remataba con pregarias e sacrificios. Nestes casos era corrente o sacrificio cruento chamado suovetaurilia, no que eran inmolados un porco (sus), unha ovella (ovis) e un touro (tauro).

No hay comentarios: